Saturday 27 de April de 2024

Boqueixón edita a unidade didáctica “Alén loita e acariña” para traballar sobre violencia de xénero e acoso escolar desde unha perspectiva próxima ás crianzas


Editáronse 300 exemplares que serán repartidos entre os centros educativos do municipio.

A Biblioteca Municipal acolleu esta tarde a presentación da unidade didáctica “Alén loita e acariña”, unha iniciativa baseada no libro do mesmo nome editado en 2020 e que foi promovida polo CIM de Boqueixón dentro das actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25N). Ao igual co conto infantil, a unidade didáctica “Alén loita e acariña” permitirá ao profesorado falar desde unha perspectiva próxima ás crianzas sobre a violencia de xénero e o acoso escolar.

O acto de presentación foi presidido polo alcalde, Manuel Fernández Munín, quen estivo acompañado pola directora do CIM de Boqueixón, Cristina Carbajales, e polas dúas autoras do libro: Yolanda Neira, psicóloga do CIM de Boqueixón e que se encargou dos textos, e Blanca Millán, ilustradora local.

O rexedor destacou “estamos satisfeitos de poñer a disposición da comunidade escolar de Boqueixón unha ferramenta de traballo para educar desde a base e contra da violencia de xénero e o acoso escolar”. Fernández Munín felicitou ao CIM de Boqueixón pola iniciativa e ratificou a aposta do Concello de Boqueixón “por poñer en valor o talento local, volvendo a contar nesta unidade didáctica co traballo dunha ilustradora do noso municipio”.

Traballar cos escolares

Pola súa banda, Cristina Carbajales sinalou que “esta unidade didáctica demostra que é posible sensibilizar e previr dende a base e dunha forma lúdica e educativa porque a rapazada as cousas éntranlle mellor se se lles expoñen dunha forma que lles guste”. Carbajales destacou o traballo levado a cabo por Yolanda Neira e Blanca Millán para ter lista esta unidade didáctica.

“Despois da presentación de hoxe repartiremos as unidades didácticas entre os centros educativos para despois poñer en marcha unha programación ao redor do conto e da unidade” anunciou Yolanda Neira. Así, primeiramente realizaranse unhas sesións de contacontos de “Alén loita e acariña” que servirán “como punto de partida para logo traballar a unidade didáctica nas aulas, un labor que será levado a cabo polo equipo docente ao longo das próximas semanas”.

Así, están programadas dúas xornadas de contacontos impartidas por Yolanda Neira que terán lugar o mércores 3 e o xoves 4 de novembro na biblioteca municipal para escolares de Primaria e no CPI Antonio Orza Couto para escolares de Infantil, respectivamente.

A unidade didáctica completouse co labor de Blanca Millán, encargada de realizar as ilustracións, quen apuntou que “o reto é facer que os nenos queiran traballar sobre un tema que lles é alleo pero serve para facerlles ver que eles son os únicos que poden facer que eses problemas desaparezan”. Ademais destacou que a edición da unidade didáctica “permitirá traballar nas aulas e complementará a lectura do conto infantil xa que é un caderno moi dinámico e que demostra que o ensino pode ser divertido”.

Esta iniciativa inclúese dentro da programación especial que o Centro da Información á Muller de Boqueixón organiza con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero e conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade e de Fondos Europeos.